Saturday 27 de April de 2024

A Pobra volverá desfruta-lo caldo de groria no Día de Rosalía de Castro


Se hai unha data de gran importancia na axenda cultural galega relacionada co ámbito da literatura, ese é o Día de Rosalía de Castro que se conmemora no 23 de febreiro. A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, avanzan que, un ano máis, a Administración local pobrense se suma aos actos que se desenvolverán en toda Galicia con actividades para tódolos públicos.
No propio día 23 celebrarase a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas, coa lectura dun manifesto, música tradicional a cargo de Xiada e o repartimento de “caldo de groria” entre as persoas asistentes. Tamén se valora a participación dos centros educativos da primaria, pois as crianzas son as principais destinatarias das accións que impulsa o Concello, segundo remarca a edil.
Debido á boa acollida nas anteriores edicións, apóstase novamente polo xogo-concurso As Sete Rosalías co obxectivo de achegarlles a figura da intelectual dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico. A dinámica será a habitual: deberanse busca-las siluetas co rostro de Rosalía expostas nos escaparates dunha trintena de establecementos colaboradores no período comprendido entre o 23 de febreiro e o 8 de marzo. O desafío reside en busca-las sete Rosalías customizadas e anota-las no folleto e en que local se sitúan. Poden participar todos aqueles nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Unha vez superado o reto, deberanse deposita-los documentos debidamente cubertos nos referidos centros de ensino. Sortearanse 50 lotes de agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes, no 12 de marzo.
E para os/as escolares da infantil tamén se artella unha proposta para aplicar diferentes técnicas plásticas sobre un soporte co debuxo de Rosalía.